Wednesday 03 de July de 2024

Disfraces e música tomarán as rúas da Pobra coa Choqueirada de Verán


Dentro de pouco tempo arranca o verán e, con el, unha intensa axenda de actividades para gozar do bo tempo. No mes de febreiro tocou disfrazarse polo Entroido, pero agora é momento de volver sacar ás rúas os singulares atavíos coa Choqueirada de Verán que se incorpora á programación estival nunha aposta conxunta pola parte das concellarías da Cultura e da Mocidade.

 

Os disfraces e a música son os dous elementos sobre os cales se fundamenta esta acción que tomará as rúas da localidade no 29 de xuño. A charanga Castrexos animará distintos espazos do núcleo urbano na sesión vermú para lle cede-lo protagonismo a Leite Con Jalletas cun concerto na praza de Maura, ás 19.00 horas e, posteriormente a The Cuncas, ás 20.30 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán. E Discomóvil Chocolate encargarase de lle pór ritmo á noite dende a praza Alcalde Segundo Durán, ás 22.30 horas.

 

“Decidimos retomar unha festa que se celebrou na Pobra anos atrás para desfrutar do verán doutra maneira. Queremos potencia-la creatividade da veciñanza a través do formato de deseño e configuración dos disfraces; queremos que as familias e as amizades se disfracen en grupo segundo unha temática da súa libre elección. Por iso anunciamos esta actividade con tanta antelación: para que a xente teña tempo suficiente de face-los seus disfraces. Así, meses despois do desfile do Entroido, a vistosidade volverá enche-las rúas da Pobra”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

 

Trátase dunha proposta que tamén busca ofrecerlle opcións de ocio no municipio á xente nova, segundo recoñece o edil da Mocidade, Eloy Sobrido. “É unha festa para tódalas idades, pero tamén buscamos que a xuventude teña alternativas de lecer diferentes das que pode atopar nos concellos da contorna. E, a maiores, tamén contribuímos a dinamiza-la hostalaría con concertos localizados nas súas inmediacións que conviden a desfrutar da música nas terrazas.”